Saturday 20 de April de 2024

O Concello dá os primeiros pasos para asegurar os accesos á Intermodal


O Goberno local garante cos cambios no Plan Xeral os accesos á futura estación

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno Local aprobu a primeira das modificacións do PXOM necesarias para iniciar os traballos dos accesos á Intermodal, tal e como está reflectido no proxecto da estación, e confimou que a concellería está a traballar no segundo cambio que afectará á avenida da Sardiñeira, á praza da estación e á propia estación.

Deste xeito, dixo o concelleiro, o Concello cumpre coa súa parte no proxecto de construción da Intermodal: adaptar a normativa urbanística para garantir os accesos e realizar obras de urbanización da contorna que melloren a zona.
No ámbito urbanístico, a Corporación deulles luz verde a outras dúas modificacións do Plan Xeral; unha que lle afecta ao polígono de Vío e outra no ámbito do Paseo Marítimo na antiga cetaria Otamar. Con estes cambios, o Goberno local cumpre coas sentenzas do TSXG que obrigan no caso de Vío a recoller a ordenación do plan parcial do polígono xa executado, que lle afecta ao vial 5 do plan parcial e á edificabilidade de 5 bloques, e no caso da cetaria Otamar, a modificar a servidume de costas proposta polo Plan Xeral para reducila ao mínimo obrigado que son 20 metros. Mantense o uso como espazo libre da parcela da cetaria e incorpórase a posibilidade de poder expropiala e ampliar a zona verde nese tramo.
Doutra banda, a nova comisión asesora do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Pescaría PEPRI estará presidida pola directora da Área de Urbanismo, María Hernández e composta polos tres expertos designados polo Concello; o arquitecto Alfonso Díaz Sevilla, o arqueólogo Felipe Arias Vilas e o historiador Alfredo Vigo Trasancos, os encargados e responsables da tramitación de solicitudes, e por técnicos da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta elixidos polo seu órgano competente.

Durante a sesión, a Xunta informou da concesión entre o 5 e 18 de setembro de 33 licenzas, e dos 101 expedientes de obras en réxime de comunicado e 44 en réxime de comunicación previa que se resolveron e fixou o día 25 de febreiro (martes de Entroido) e o
7 de outubro (Festividade da Virxe do Rosario) como festivos locais para 2020, despois de que a Xunta declarase como non laborable o día de San Xoán para toda Galicia.

A orde do día recollía varios asuntos de carácter xurídico. Neste senso, o Concello acordou comparecer no recurso interposto pola compañía Enersol Eólicas, SL contra a taxa de recollida e tratamento do lixo do ano 2018.

Tamén ten previsto comparecer no preito interposto pola Compañía de Tranvías polo pago do mantemento e a conservación das instalacións do tranvía no marco do contrato para a prestación do servizo de transporte público mediante tranvías no período 2011-2017.
O Concello acudirá ao outro dos preitos interpostos por Tranvías, polo pago de facturas ordinarias que consideran que o Concello debe abonar para asumir a parte do financiamento da Tarxeta Millennium e bonos sociais que lle corresponde no periodo de outubro de 2017 a decembro de 2018.

E, por último, o Concello irá aos tribunais polo recurso presentado por Autos Cal Pita, SA contra o convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e os concellos da Coruña e Oleiros para a coordinación dos servizos de transporte público das súas respectivas competencias con orixe ou destino na zona de Santa Cristina e que permite a entrada no municipio de Oleiros da liña 1A do bus urbano.